É o presidente da Xunta de Galicia a quen lle corresponde a decisión de convocar eleccións anticipadas; con todo, preferiu consultar ós seus aliados antes de anuncialo de xeito apresurado. A convocatoria das eleccións vascas precipitaron ás galegas, e tanto a reforma do Parlamento galego coma a investigación parlamentaria das xestión das caixas galegas quedaron no tinteiro.
As eleccións vascas probablemente eclipsarán ás galegas, onde a sombra do independentismo máis radical opta a ter unha ampla representación no Parlamento vasco: a independencia deste país podería ser unha realidade nos próximos anos (PNV e Bildu poderían sumar máis do 60% dos votos).
Ante tan transcendente feito, as eleccións galegas poderían considerarse coma unha cita electoral máis, carente de importancia. Con todo, Galicia é vista polo Partido Popular (PP) coma o seu termómetro nacional para medir o seu tirón electoral. A perda de Galicia podería supoñer un auténtico revés para o PP, despois da decepción andaluza. E aínda que Rajoy comprometeu a súa palabra de cumprir coa axenda económica e fiscal ditada por Alemaña, caberá a posibilidade de que o propios populares vexan con receo a política do goberno de España, dinamitando o PP e abrindo unha profunda crise interna e incluso escisión dentro do partido.
Feijoo supón unha das mellores bazas do PP. Moderado, discreto, oportuno (que non oportunista), de verba parca pero suficiente, Feijoo asoma na política nacional e quen sabe se podería converterse no próximo candidato do PP á presidencia do goberno de España. Pero antes necesita pasar o exame das eleccións galegas que poderían supoñer o trampolín ao ámbito nacional.
Feijoo xoga moito nesta cita electoral nas súas aspiracións persoais; Rajoy, por outra banda, xoga todo: o seu liderado no partido e probablemente a estabilidade do seu goberno. Unha derrota en Galicia significaría un serio lapote á política do PP; unha vitoria suporía a confirmación de que os galegos confían no PP, na súa política de axustes para superar a crise e incluso a aceptación dos sacrificios por parte dos cidadáns.
Con todo a Rajoy complícanselle as dúas citas electorais coa solicitude dun rescate brando para España, e a máis que probable esixencia de novos sacrificios desde Bruselas. O presidente terá que facer malabarismos de comunicación -cualidade da que carece Rajoy- para convencer a un electorado cada vez máis reticente e distante. ¿Como explicar, por exemplo, ós cidadáns que a creación dunha entidade pública para mercar os activos tóxicos dos bancos con problemas suporá unha factura astronómica ós cidadáns, xusto en plena onda de recortes?
Feijoo ten que convencer por partida dobre: a súa política autonómica e a política nacional de Rajoy. Veremos se é capaz de facer cadrar as contas.




