Esta semana cumpríronse os 50 anos da publicación do libro “Memorias dun Neno Labrego“, de Xosé Neira Vilas. Dito libro é un dos máis lidos da literatura galega, e non é para menos. Sen dúbida algunha é un dos meus libros favoritos; a tenrura con que cada páxina está escrita, fai que ás veces florezan bágoas nos ollos, e sintamos a penurias e miserias de Balbino coma propias. É un libro altamente recomendable, tanto para maiores coma para pequenos. Coma dixo un blogueiro «”Memorias dun Neno Labrego” é “O Principiño” galego». Lonxe de ser iguais, recollen ambos a inocencia dos nenos que en ocasións só pode ser comprendida por xente maior que aínda seguen sendo nenos. Aquí vos deixo un extracto do primeiro capítulo do libro, fermosísimo anaco da nosa literatura.
BALBINO. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.No verán ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comeza. Sede, sol, moxardos. No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sen tentos. ¡Qué saben desto os nenos da vila! Eles ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un fantasma bretemoso en cada árbore. A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cansa ouvean e a xente morre “cando está de Deus”, como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes e ata rímos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos. Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non coñezo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Coma se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por eso escribo. E despois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi. ¡Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra e cando voltou para a casa púxose a escribir todo o que lle acontecera. Así está nun libro que me trouxo o Landeiro.
