Todo comezou sendo o desexo dun César vido a menos. O señor Fraga Iribarne, nos seus delirios de Nerón todopoderoso, decidiu que en vez de prenderlle lume á cidade, o faría os petos dos contribuíntes cunha obra faraónica: a Cidade da Cultura. Como outros políticos, sexan nas administracións locais ou rexionais, quería deixar a súa pegada cun dedo lapidario, cheo de sucos afuracados froito do seu monopolio presidencial. Pero non bastaba cunha estatua para recordar a súa encomiable labor dirixindo a administración autonómica. Tiña que deixar a marca de forma grotesca daquel dedo executor, pero a unha escala terrorífica, que puidera ser contemplada desde calquera recuncho da cidade de Santiago. A Cidade da Cultura desvirgou o monte do Gaiás polo capricho político, e castrando a fecundidade da Consellería de Cultura nos vindeiros anos con este proxecto megalómano.
Finalmente o goberno de Feijoo veuse forzado a deter a construción da Cidade da Cultura. E é que no contexto económico actual, a presión a que están sometidas as autonomías polo goberno central e este polos organismos internacionais (FMI, UE) empúrraas a seguir aplicando recortes, que se intensificarán unha vez que pasen as eleccións xerais e o PP teña por fin mans libres para aplicar de novo a tesoira dun xeito moito más dramático. Non se entendería pois, fortes axustes no eido da educación e da sanidade, mentres segue a dilapidarse millóns de euros dun proxecto sen programación nin futuro.
Moitos foron os cidadáns que defenderon un proxecto grandilocuente, sen dúbida de fermosa e abraiante arquitectura; os cantos de serea de grandes acontecementos culturais (¿e deportivos?) deixáronos pampos admirando as refulxentes baldosas salmonadas de procedencias exóticas, e non quixeron ver o baleiro que ocultaba a súa fascinante fachada. E agora, tal vez se decaten de que foron enganados durante máis de 10 anos, facéndolles crer que aquel monumental proxecto sería un referente internacional, o novo Guggenheim, dicían. O propio conselleiro de Cultura, Roberto Varela, recoñeceu que a falla de público era un dos motivos para deter a construción da Cidade da Cultura.
E nestes tempos de crise económica, de axustes nas políticas sociais, cabe preguntarse por que os políticos carecen de responsabilidade na xestións dos recursos públicos. Non falo xa da dubidosa legalidade da inmunidade parlamentaria, senón de responsabilidade, responsabilidade civil. Eu son farmacéutico e as miñas accións no traballo están suxeitas á responsabilidade civil. ¿Por que non os políticos? Despois de todo eles xestionan eidos de suma importancia para a sociedade coma a educación e a sanidade. ¿Por que non poden ser levados ante á xustiza para determinar se houbo ou non neglixencia durante o seu goberno?
O descontento dos cidadáns vai en aumento a medida que se implantan novos recortes sociais, que se descobren novos escándalos financeiros, que saen á luz casos de corrupción política, de privilexios de directivos e políticos. E os políticos, moitos deles, seguen dicindo que son catro ou cinco “can-frautas”, que dá igual, que os cidadáns calarán e irán o votar o 20-N en calquera outra elección democrática. Moitos irán, e votarán tapándose o nariz; eu, por fortuna ou desgracia, non teño que pasar por ese trago, e agardarei na casa para ver os resultados da decisión do pobo soberano. Esperemos que a sabedoría popular non se trabuque de novo.
