Acerca de Luís

I was born in 1981 in Vigo (Pontevedra). I grew up between Marín and Pontevedra, and in 1999 I entered in the University of Santiago de Compostela where I got my degree in Pharmaceutical Sciences. Currently I am doing the PhD in Pharmaceutics and I am writing up my thesis that I will summit in 2011.In the future I would like to start up my own business. Nací en Vigo en 1981. Crecí entre Marín y Pontevedra hasta que llegué a la Universidad de Santiago de Compostela en 1999, licenciándome como farmacéutico en 2005. Estoy terminando mi doctorado en Farmacia y espero crear una empresa en el futuro.

Galegos emprendedores: Smartbites, Oftagalia, Tecnotauro e P&E

Tal vez sexa un dos poucos efectos positivos da crise económica: apurra o enxeño, estimula a creatividade e fomenta valores coma a disciplina e a calidade. Sei que hai moitos exemplos de superación persoal, de proxectos levados a cabo dende o máis pequeno e remoto lugar, ata a máis populosa das cidades, pero neste caso gustaría destacar catro casos concretos de esforzo, ilusión e traballo: Smartbites, Oftagalia, Tecnotauro e Parafarmacia económica.

Detrás destes proxectos empresariais existen profesionais de tódolos ámbitos, persoas que adican o seu tempo a mellorar os servizos das súas pequenas empresas para ofrecer unha asistencia óptima aos seus clientes. Todos eles partiron do desexo de crecer, de desenvolver e poñer en práctica os seus coñecementos e formación e tomaron a decisión de emprender como un xeito de auto-emprego na actual encrucillada económica na que nos atopamos. Eles non destacan tal vez, por supoñer unha disrupción innovadora no mundo empresarial, pero forman parte do tecido produtivo do noso país, e merecen ser destacados como exemplos e modelos sociais.

Cabe destacar o esforzo destas pequenas empresas por ter unha imporante presencia nos medios dixitais, a través de páxinas web oficiais, así coma nas redes sociais, permitíndolles un continuo contacto cos clientes e a publicación rápida, próxima e barata dos seus servizos e de información relacionada co seu ámbito profesional.

Parafarmacia Económica (que eu tomo a liberdade de abreviala por P&E) xurdiu da idea de mellorar os servizos dunha pequena farmacia, e de achegar os seus produtos a un maior número de clientes. Cómpre recordar que as farmacias están suxeitas a unha férrea lexislación sobre os fármacos, co que unicamente poden innovar e ser creativos no campo da parafarmacia. Para iso crearon a súa propia páxina web na que ofrécense unha ampla gama de produtos, dos que destacaría os personalizados, como as cestas de bebés, así como os sanitarios, como os tensiómetros. P&E pretende pois, reforzar unha empresa xa existente, pero destaca por ofrecer un servizo on-line, un campo pouco explorado no mundo conservador das oficinas de farmacia. Tamén teñen a súa páxina oficial en Facebook i en Twitter.

Tecnotauro é unha saída para adiante. Unha aventura empresarial dun mozo de 30 anos, que canso de traballos precarios, decidiu crear a súa propia empresa de deseño e programación web. Ofrece unha ampla variedade de servizos: deseño, marketing e programación web, todos eles orientados a optimizar o posicionamento de páxinas web e axudar ás empresas a mellorar as súas estratexias de marketing on-line. TecnoTauro é un exemplo de alternativa profesional e un modelo para calquera emprendedor.

Oftagalia é unha consulta oftalmolóxica no casco urbano de Pontevedra. Podería tratarse dunha consulta máis se non fora porque o seu impulsor, oftalmólogo cunha longa experiencia, decatouse da importancia exponencial dos medios dixitais e das redes sociais. Así, Oftagalia ten a súa propia páxina web, que ofrece información e novas de oftalmoloxía, a consulta dende unha conta privada do historial médico do paciente ou incluso probas oftalmolóxicas que poden ser realizadas on-line. Tamén incluíu unha páxina en Facebook.

Para rematar, Smartbites é unha empresa de servizos on-line de venda de produtos gastronómicos de alta calidade ou produtos groumet. Este proxecto empresarial puxérono en marcha dous irmáns ourensáns, froito da falta de oportunidades no mundo laboral e cansos de traballos temporais. Ela, informática, el, hostaleiro, deron un paso cara adiante e combinaron as súas habilidades profesionais para cristalizar nesta aventura emprendedora cun futuro prometedor. Tamén neste caso consideraron que a presenza nas redes sociais é crucial, creando a súa conta en Facebook e Twitter.

Todos eles son mozos, creativos e profesionais con ganas de explorar novos horizontes, capaces de ofrecer novos servizos á sociedade dun xeito diferente. Son os emprendedores galegos, exemplo para todos. Parabéns pola vosa nova andaina e sorte no longo e arduo camiño do mundo empresarial.

Conde Roa e a especial repugnancia

Especial repugnancia, noxo e repulsión é o que me provocan os estafadores, ladróns e defraudadores á Facenda Pública. Éche aquí que o suposto perfecto cristián e moralista que mofábase dos 15-M, dos artistas, do todo aquilo que fora en contra das súa particular doutrina, agochaba a faciana dun defraudador de impostos: Facenda denuncia a Conde Roa por defraudar 300.000 euros por non ter declarado o IVA na venda de 61 vivendas. Delito que pode carrearlle entre un e cinco anos de prisión, inhabilitación de exercer ningún cargo público e unha multa de entre 300.000 e 1.800.000 euros.

Fico abraiado que o actual rexedor do concello da capital galega non pagara o IVA da venda de nada menos que 61 vivendas. Non estamos a falar dunha insignificante cantidade de diñeiro, senón de 50 millóns das antigas pesetas. Nada máis e nada menos. Como é posible que este señor siga sendo o representante dunha cidade como Santiago de Compostela? Como poderá agora reclamar os impostos municipais aos santiagueses, cando el mesmo é un defraudador ao fisco?

Seica a Conde Roa prodúcelle especial repugnancia certos artistas; a min o que produce especial repugnancia son os predicadores de molarina aos que finalmente se lles destapa a súa verdadeira faciana.

Galicia, ese país quebrado

Onte á noite deitábamos coa aterradora noticia dun incendio incontrolado no mesmo corazón das fermosísimas Fragas do Eume, e hoxe batíamos de cheo coa realidade: as lapas seguen queimando cada metro cadrado dunha fraga propia dun conto ambientado na Idade Media, conformado por diferentes especies de árbores, plantas e musgos, de saltos de auga, de regueiros e regatos, dunha rica fauna de insectos, mamíferos e peixes.

Un incendio que semella intencionado, segundo a información aportada pola Xunta de Galicia, evidenciando as carencias dunha sociedade en decadencia. Independentemente de se esta acción pirómana poida estar relacionada cos intereses particulares da implantación dunha mina de andalucita, o que evidencia é unha profunda crise social relacionada cos valores éticos e morais máis profundos. Os pirómanos xorden dunha estrutura social deformada, onde os principios fundamentais de convivencia cambaléanse movidos polo individualismo e a falta de autocrítica, o beneficio fácil e rápido, a devaluación da acción cooperativa fronte a competencia mordaz. Na cegueira da crise económica sentímonos ameazados pola inestabilidade laboral, familiar e persoal, exacerbando un individualismo feroz que nos leva a un “sálvese quen poida”.

A intencionalidade dos incendios teñen a súa orixe nun profundo e intenso desarraigo coa terra, esa que deu de comer aos nosos devanceiros, na que se agochan os segredos da nosa historia, onde están soterradas as lembranzas da nosa nenez. Na súa cegueira converteron verde, azul e amarelo en negro e gris de cinzas poeirentas. Accións con consecuencias fatais, que deixarán a súa pegada pezoñenta da paisaxe do noso país e no corazón dos seus habitantes.

Hoxe síntome aínda máis triste de ser galego. Se hai uns meses o roubo do Códice Calixtino supuxo un golpe para o patrimonio cultural galego, hoxe é o noso patrimonio natural o que perece diante dos nosos ollos impotentes. A situación de Galicia non pode ser máis desesperada. O alto desemprego empurra á mocidade a emigrar e atopar sorte noutros lugares. O noso capital humano desaparece mentres que as nosas herdanzas máis prezadas estráganse no sumidoiro do desprezo colectivo nun contorno fortemente individualista, robustecido por unha crise económica galopante.

Galicia, unha vez máis, quebrada pola carencia dun sentimento colectivo que forneza os piares para manter e coidar o noso patrimonio cultural, natural e artístico. Hoxe máis que nunca cobra sentido iso de “Adeus ríos, adeus montes.

Novo dicionario de galego da RAG dispoñible na súa páxina web

Os galegos estamos de noraboa. A RAG ven de publicar o seu novo dicionario de galego na súa páxina web. Dito dicionario incorpora máis de 50.000 voces do noso idioma, además de obter información sobre as diferentes formas verbais, pronuncia e xénero. Eu mergulleime nalgunhas páxinas do novo dicionario e hai que recoñecer que mellórase e moito o súa anterior versión.

Así a todo, a RAG non publicará aínda a súa edición en papel, polo que haberá que seguir agardando. O coordinador do traballo de renovación do novo dicionario apuntou que “o dicionario en papel tamén debe renovarse, pero cada 15 anos”. Considerando a publicación do último dicionario, é de agardar que o novo sexa pronto editado e publicado. Esperemos que sexa pronto e poidamos desfrutalo todolos galegos.

Morre Manuel Fraga

De entre tódolos políticos galegos, Manuel Fraga é cando menos un que non lle pasaba indiferente a ninguén, nin tan sequera aos seus máis acérrimos inimigos, como os nacionalistas galegos. Non me atrevo a dicir que lamento a súa morte: tivo unha vida próspera, 5 fillos e morreu rodeado pola súa familia, aos 89 anos, nun ambiente tranquilo e confortable. É dicir, unha morte que desexaríamos para todos nós.

Se tivera que dicir tres palabras relacionadas con Fraga, eu quedaría con franquismo, Galicia e político. E é que, aínda que este gran camaleón político acadou importantes logros durante a democracia, non hai que esquecer que foi Ministro de Turismo durante o franquismo, e que polo tanto apoiaba máis ou menos ferventemente as ideas falanxistas.

A miña visión sobre a traxectoria política de Fraga non pode ser obxectiva: non promulgo coas teses da dereita que encabezou coa Alianza Popular, na que figuraron algún dos antigos Ministros de Franco, e moitas das súas ideas ou declaracións producíronme verdadeiro noxo. Con todo, Fraga foi un abandeirado galego, e levaba o nome de Galicia alá onde ía. Promoveu unha das leis máis progresistas respecto ao galego, como foi a Lei de Normalización Lingüística, aprobada no Parlamento polos tres grupos políticos con representación. Impulsou e consolidou o Xacobeo e o camiño de Santiago recobrou o fulgor da Idade Media. No caso das infraestruturas galegas hai que dicir que aínda que foi el quen favoreceu a súa construción a meirande parte dos investimentos viñan da UE, e durante o tempo no que Galicia recibía grandes inversións estranxeiras, non se fixo nada por consolidar sectores estratéxicos en Galicia, promovendo outro modelo económico, ao xeito irlandés. Problema, con todo, común en case tódalas comunidades españolas.

Tamén se lle recordará polo súa mala xestión no caso do Prestige, e as terribles consecuencias daquel naufraxio e a posterior nefasta actuación da Administración galega. Tampouco serán esquecidas moitas das súas provocacións contra os homosexuais, comunistas ou xentes varias que non promulgaban coas ideas cristián-católicas.

Un persoeiro populista e popular, acostumado a darse baños de tódolos tipos, baños de masas, baños de gaitas, baños en Palomares. Era amado e odiado por igual, e é que non deixaba indiferente a case ninguén. A Historia é agora quen o xulgará para ben ou para mal. Pero para moitos de nós xa formará parte daquela outra forma de facer política, o fraguismo. Polo de agora, tan só dicir: descanse en paz, señor Fraga.