De entre tódolos políticos galegos, Manuel Fraga é cando menos un que non lle pasaba indiferente a ninguén, nin tan sequera aos seus máis acérrimos inimigos, como os nacionalistas galegos. Non me atrevo a dicir que lamento a súa morte: tivo unha vida próspera, 5 fillos e morreu rodeado pola súa familia, aos 89 anos, nun ambiente tranquilo e confortable. É dicir, unha morte que desexaríamos para todos nós.
Se tivera que dicir tres palabras relacionadas con Fraga, eu quedaría con franquismo, Galicia e político. E é que, aínda que este gran camaleón político acadou importantes logros durante a democracia, non hai que esquecer que foi Ministro de Turismo durante o franquismo, e que polo tanto apoiaba máis ou menos ferventemente as ideas falanxistas.
A miña visión sobre a traxectoria política de Fraga non pode ser obxectiva: non promulgo coas teses da dereita que encabezou coa Alianza Popular, na que figuraron algún dos antigos Ministros de Franco, e moitas das súas ideas ou declaracións producíronme verdadeiro noxo. Con todo, Fraga foi un abandeirado galego, e levaba o nome de Galicia alá onde ía. Promoveu unha das leis máis progresistas respecto ao galego, como foi a Lei de Normalización Lingüística, aprobada no Parlamento polos tres grupos políticos con representación. Impulsou e consolidou o Xacobeo e o camiño de Santiago recobrou o fulgor da Idade Media. No caso das infraestruturas galegas hai que dicir que aínda que foi el quen favoreceu a súa construción a meirande parte dos investimentos viñan da UE, e durante o tempo no que Galicia recibía grandes inversións estranxeiras, non se fixo nada por consolidar sectores estratéxicos en Galicia, promovendo outro modelo económico, ao xeito irlandés. Problema, con todo, común en case tódalas comunidades españolas.
Tamén se lle recordará polo súa mala xestión no caso do Prestige, e as terribles consecuencias daquel naufraxio e a posterior nefasta actuación da Administración galega. Tampouco serán esquecidas moitas das súas provocacións contra os homosexuais, comunistas ou xentes varias que non promulgaban coas ideas cristián-católicas.
Un persoeiro populista e popular, acostumado a darse baños de tódolos tipos, baños de masas, baños de gaitas, baños en Palomares. Era amado e odiado por igual, e é que non deixaba indiferente a case ninguén. A Historia é agora quen o xulgará para ben ou para mal. Pero para moitos de nós xa formará parte daquela outra forma de facer política, o fraguismo. Polo de agora, tan só dicir: descanse en paz, señor Fraga.
Mejor resumen de la vida de ese señor imposible. Concuerdo contigo 100%.