Este Nadal puiden pasalo na miña terra. Unha visita fugaz e se cadra un pouco triste, vendo as dificultades económicas e sociais polas que está pasando Galicia e España nestes tempos. Alá por onde fun, fora na farmacia, no supermercado, na facultade, ou nun pub acompañado polos amigos, o pesimismo afogaba cada conversación. Moitos expresaban o seu pesar polo futuro, e afirmaban que de seguir así emigrarían antes ou despois.
Os estudos demográficos non deixan lugar a dúbida: que cada mes Galicia perda arredor de mil habitantes é un dato moi preocupante. Moito máis cando isto está tendo lugar no contexto económico actual, no que a mocidade opta por emigrar, e os vellos enchen vilas e aldeas galegas. A pirámide demográfica de Galicia está dándose a volta, o que converterá a nosa comunidade nunha rexión estéril sen peso demográfica en España. Non só desaparecerá a nosa lingua; tamén as nosa cultura, as nosas tradicións e costumes.
Se cadra as perspectivas son aínda peores se consideramos o rural galego, afectando principalmente a Lugo e Ourense, baleirándose a pasos axigantados. No noso rural aínda se conserva moita da nosa riqueza cultural, cuxo futuro é desolador.
Pero por riba de todo, dificulta a viabilidade da propia comunidade. Hai tres factores que contribúen a isto: o envellecemento da poboación; a emigración da mocidade; a incapacidade de atraer inmigrantes, retornados ou non. Galicia necesita unha serie de medidas para reverter estes parámetros, que soamente pode resolverse mediante as reformas estruturais apropiadas, dinamizando a economía:
- Apoiar decididamente sectores que potencien a innovación e a tecnoloxía, fomentando a creación de novas empresas de perfil tecnolóxico e internacional. Colaboración estreita coas Universidades públicas para a consolidación do tecido empresarial e o futuro profesional dos estudantes. Creación de viveiros tecnolóxicos nas Universidades.
- Optimizar recursos públicos clave:
- Educación e investigación: internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela e a mellora dos seus servizos (ofrecer parte das materias en inglés; mellora dos grupos de investigación, apoiando aos máis dinámicos; creación de spin-offs e viveiros tecnolóxicos) e peche das Universidades de A Coruña e Vigo, ou especialización das Universidades, pechando facultades duplicadas noutros campus.
- Aeroportos: incrementar os servizos e recursos do aeroporto da Lavacolla (conexión co AVE, apertura de novas rutas internacionais, abaratamento das taxas para impulsar a implantación de novas liñas aéreas, etc). Peche dos aeroportos de Alvedro e Peinador.
- Portos marítimos: especialización dos portos no transporte de mercadorías. Conexión co AVE para o seu transporte ao longo do territorio español.
- Transporte ferroviario: finalización das obras do AVE.
- Eliminar duplicidades nas Administracións públicas: fusión de Concellos para a optimización de recursos públicos, peche das Deputacións provinciais.
- Apoiar os acordos comerciais con países emerxentes (fundamentalmente Brasil).
De modo que o único xeito de atraer poboación cara Galicia é mediante a modernización e dinamización económica da rexión. Facer de Galicia unha comunidade competitiva internacionalmente, dunha potencia económica. Nun mundo globalizado necesitamos ser competitivos a nivel global. Xa non competimos con outras comunidades autónomas, ou países europeos: competimos cos chinos e cos indios. Necesitamos unha visión global pra afrontar os retos globais.
Home, se queres pechar una universidade a que ten máis papeletas para facelo é a de Compostela, que está con moitas débedas e é a que menos produce por ter carreiras, na súa maioría, de humanidades que non teñen tanta saída coma outras. A Uvigo e a UC teñen máis perspectiva ao seren máis grandes e ter carreiras técnicas que producen moito mais que, por exemplo, Historia.
A Universidade de Compostela ten a maior débeba tamén porque é a máis grande. O campus de Compostela foi o único que recibiu dos tres galegos que recibiu a distinción de campus internacional e que figura moi por enriba das outras dous universidades nos rankings españois e mundiais. A Galicia lle convén ter unha soa universidade, para optimizar recursos e mellorar servizos. Tal e coma estamos agora estanse dando casos de duplicidade de carreiras nas universidades dentro da propia comunidade autónoma, o que é aberrante para soster o sistema. Así paréceme incrible que na Coruña estean agora intentando crear unha nova facultade de Medicina. Tamén digo que habería que pechar facultades na mesma USC que non sexan rendibles, e pechar aquelas (coma as filoloxías) que non acaden un alumnado mínimo.
Durante anos fíxose unha política localista con fins electoralistas e así temos duplicidade en case tódolos sectores públicos, coma as universidades. Se queremos ser competitivos a nivel global non podemos caer na trampa de satisfacer os localismos enfermizos e comezar a reestruturar o sistema. As tres universidades galegas separadas non poderán nunca achegarse aos niveles doutras españolas, europeas ou americanas se seguimos coa política de dividir en anacos pequenos todo o que temos.
E se a USC debería ser a única que permanece aberta é por historia, infraestruturas, servizos, produción científica e un largo etcétera. Na facultade de Farmacia, por exemplo, hai grupos recoñecidos internacionalmente.
Volvo dicir que hai que deixar os localismos e ser competitivos a nivel internacional. Non pelexar polas migallas de ser a mellor universidade dunha rexión atrasada.
Permite decirche que a distinción de campus internacional é un pouco de chiste, porque as medidas que se utilizan son tan manipulables que non merece nin destacar o título (igual que o de excelencia).
A USC ten moi boas infraestructuras, pero así as ten a Uvigo. Esta última ten tamén grupos científicos moi importantes, como por exemplo o que vai lanzar un picosatélite nos próximos días.
E o certo é que non estou dacordo co de políticas localistas. Se se poden facer e valen a pena, non vexo mal que se repitan carreiras, máis que nada porque así se dan as oportunidades para que todo o mundo poida estudar o que quere (hai familias que non poden permitirse ter un fillo estudiando fora).