Cando hai uns días unha moza, concursante de Gran Hermano, acusou aos galego-falantes de “paletos” e “nacionalistas radicais”, rapidamente os medios impresos e dixitais fixéronse eco das súas palabras, comentarios de toda índole agromaron en YouTube e creáronse diversos grupos en Facebook que esixían a lapidación da moza.
Nembargante, a min as súas palabras non me sorprenderon. ¿Acaso é a única que pensa o mesmo en Galicia? A rapaza é de A Coruña, dunha contorna urbana da franxa atlántica, caracterizada xeralmente pola ampla presenza do castelán na vida cotiá e certa reticencia do emprego do galego.
É certo. Os urbanitas son menos receptivos a falar en galego. Basta con dar unha volta pola rúa Real de A Coruña, pola praza da Ferrería en Pontevedra ou a rúa Príncipe en Vigo. É difícil atopar galego-falantes, e poderíamos cualificalos de “falantes en perigo de extinción”.
Non é difícil atopar xente que opine igual que esta moza. Todos aqueles que medraran nunha contorna urbana (fundamentalmente nas provincias de Pontevedra e A Coruña) perciben ese desprezo cara ao galego dende nenos. “No hables gallego”; “es un paleto, solo habla en gallego”, foron comentarios frecuentes na nenez de moitos nenos galegos, e deixou a súa pegada e sinal na mente dos futuros homes e mulleres da sociedade actual. E séguese sementando as mesmas ideas, os mesmos prexuízos. Transmítense de pais a fillos, de avós a netos. O galego segue sendo rural, inculto, das clases baixas. Ou senón dos radicais nacionalistas que queren subxugar aos castelán-falantes.
Pero estas ideas, que semellan dalgún retrógrado, ignorante i escuro, o certo é que son máis comúns do que pensamos. Existe unha especie de acordo non tácito entre os urbanitas de non empregar o galego, porque cheira a rancio, a antigo, a inútil.
Por se non fora suficiente esta alienación lingüística, o actual goberno de Galicia, que no seu día fomentou, alentou e apoiou asociacións coma Galicia Bilingüe (onde están para defender o galego, xa que son bilingües?), considera que as medidas de normalización lingüística son “imposicións lingüísticas” e atentan contra as liberdades individuais, e protexe ao castelán coma se fora unha lingua ameazada, vilipendiada. Exhortan á elección do idioma, á liberdade de elixir entre o castelán e o galego. Pero o que non acadan a comprender é que o galego arrastra moitos dos prexuízos que tan graficamente expuxo a moza de A Coruña. A presenza do castelán destaca en todos os medios de comunicación e culturais (televisión, radio, xornais, cinema, libros, música), en forte contraste co galego. Pero isto tamén acontece co uso das linguas no seo da sociedade. Existen persoas bilingües (fundamentalmente os galego-falantes), pero Galicia non é bilingüe. O diagnóstico lingüístico no caso de Galicia é unha clara diglosia (definición segundo a RAG: situación dun individuo ou comunidade que utiliza dúas linguas, cando unha das cales, polo xeral a materna, é considerada polos propios falantes e na práctica social e política, como inferior á outra, de tal xeito que a lingua con máis prestixio se utiliza nas relacións sociais consideradas máis elevadas ou formalizadas, mentres que a outra se reserva para as relacións consideradas informais).
Polo tanto, a moza de A Coruña non ten culpa. Sinxelamente é unha boa mostra dos prexuízos que aínda conservan os galegos castelán-falantes acerca do galego, coma se fora un idioma foráneo, e de xentes inferiores. Ou lingua de fanáticos nacionalistas.
Para rematar, gustaríame destacar a noticia que atopei de casualidade, en referencia as competencias adquiridas polo alumnado galego entre 2006 e 2009, na época en que, grazas ao decreto do bipartito, acadouse unha maior difusión do galego na ensinanza como lingua vehicular. O informa Pisa revela que a maior galego nas aulas, dáse unha maior comprensión lectora en castelán. Ademais as competencias lingüísticas en castelán sempre son mellores nas comunidades bilingües que na media do conxunto do Estado. Estes datos veñen a desmontar as teorías defendidas no seu día por Galicia Bilingüe e o PPdG.
Hai que recordar que o galego é a lingua propia e natural de Galicia, e que é o máis importante patrimonio cultural que temos o deber de conservar.
51.372975
-2.363317
Like this:
Like Cargando...