Pontevedra capital, ¿e Vigo dunha 5ª provincia galega?
O tema, teño que recoñecelo que me fai gracia. Un debate totalmente estéril e pobre que tende a ocupar parte dos blogs referentes a Pontevedra e Vigo, cadanseu co seu denigrante localismo, defendendo estupideces decinomónicas que tan só acenden a algúns e son indeferentes a unha grande maioría. Hoxe saía á luz unha nova referente á nova ubicación do Xulgado do Mercantil en Vigo. De seguido tivo lugar unha candente polémica plasmada nos comentarios habilitados no xornal electrónico, unha morea de vigueses e pontevedreses afiando as línguas bífidas pra insultar e denigrar ao contrincante. Ridículo e patético.
Entendo que pra moitos pontevedreses perder a capitalidade sería unha auténtica catástrofe, mentres que para os vigueses é unha contínua castración ser a cidade máis grande de Galicia e nin sequera ser a capital dunha pequena provincia de España… En fin, cada tolo co seu tema. Vivan os localismos.
Retomando a historia chama a atención que Vigo fora en dúas ocasións capital de provincia: a capital da prefectura Miño Baixo en 1810 (sistema de prefecturas que intentou establecer José Bonaparte durante a invasión francesa), e capital da provincia que levaba o seu nome en 1822 durante o Trienio Liberal. Mágoa que en ningunha das dúas ocasións o sistema puido aplicarse.
Dende 1833 Pontevedra é a capital da provincia que leva o seu nome, non sen antes ter que pelexar con Vigo pola súa capitalidade. Agora saen algúns berrando sobre a necesidade de crear unha 5ª provincia (a de Vigo), ou retirarlle a capitalidade a Pontevedra a favor de Vigo. Eu, antes de ter que crear unha 5ª provincia estaría a favor de cederlle a capitalidade a Vigo, porque xa hai bastantes funcionarios chupando do bote. Non máis por favor, e non cos meus impostos.
De todolos xeitos o debate paréceme estéril en se mesmo. Eiquí hai que dous puntos fundamentais: un, Vigo é cidade máis populosa, industrial e dinámina de Galicia. E iso non poden negalo os milleiros de pontevedreses que traballan a cotío en Vigo. E Pontevedra é a capital da provincia ininterrumpidamente dende hai 176 anos; Vigo nunca.
E non sexamos alarmistas. É certo que servizos propios dunha capital están a se mudar a Vigo, pero se somos un pouco (e só pido un pouquiño eh!) racionais, entenderemos que non é o mesmo que se trasladen 80.000 persoas a Vigo que 300.000 a Pontevedra. E si, agora os pontevedreses podedes patalear, e berrar, pero é así, e punto. Os pontevedreses en vez de berrar tanto deberíamos facer coma Vigo, intentar crear unha cidade dinámica, industrial (si, pero de xeito ordeado, cunha verdadeira planificación), vital, que atraia a xente de fóra pra traballar. Deixar de ser a cidade dormitorio de Vigo.
E mirade outra cousa: Vigo nunca foi capital, e mirade onde está. E deixádevos de politiqueos baratos, acusando aos políticos deste ou doutro signo da mala fortuna de Pontevedra. Xa está ben. Vigo fíxose atractiva pra a industria ao comezo do século XX (se cadra incluso antes), non hai tres anos. É estúpido dicir que o alcalde Lores ten a culpa de todo, ou que Feijoo quere beneficiar a Vigo fronte a Pontevedra.
O quid da cuestión é a capitalidade é algo secundario. Estamos dentro da mesma entidade territorial e o lóxico e que tendamos pontes pra medrar xuntos, e non dinamitar cada proposta ou paso do veciño. Sería interesante crear esa Área Metropolitana entre Pontevedra e Vigo, dinamizar a provincia e crear postos de traballo. Mellorar as comunicacións con novas estradas, crear unha rede ferroviaria rexional entre ambas cidades e coordinar os nosos portos comerciais pra internacionalizarnos. Esa sería unha provincia que avanza, que ve cara o futuro. Deixémonos de debates estériles e comecemos a traballar XUNTOS!
pareceme moi acertado o teu artículo.tes toda a razon.ninguén pode dicir o contrario. Vigo capital!
Ai galletita, ogallá fora tan sinxelo todo! Un saúdo, espero verte máis polo meu blog