As alancadas dos mortos (I)
O sol afundírase no horizonte había horas. A lúa brilaba no firmamento, zarrapicado por unha morea de estrelas. Desde o alto dun pequeno outeiro, puido divisar as húmidas fragas onde repousaba a aldea, cuberta polo cincento luar. O lindeiro serpenteaba entre as leiras, e na escuridade adiviñaba o contorno esvaecido do monte. O frío vento otoñal zoaba nas espidas polas das árbores e movía as follas secas entre a herba gris, e coábase dentro das roupas. Ollou por derradeira vez as pequenas casas,escintilando os candís nas fiestras, e virou cara o monte. Sintíu unha profunda e doente mágao por deixar o seu fogar ás costas. Turrou suavemente da corda anoada ao pescozo da mula, a súa única compaña. A mula xemeu preguiceira, coas alforxas cargadas nos costados. O mozo comezou a andar, arrastrando os pés, entre as follas mortas, e internouse no monte. As polas das árbores rabuñaban o ceo, abanadas polo ar, tecendo un doce murmurio. Semellaba que as árbores falaban entre elas, as ramas batendo coma badalos de madeira, estalos ocos, laídos máis antigos co home. O camiño comezou a ascender, e as raíces procuraban os seus pés. O repenique, lonxe de minguar, medraba a cada paso. Tivo a impresión que as árbores estaban vivas. A mula dudaba, xemía trémula; el empurraba da corda. “Veña, vamos!”. Berrou.
De onde sacache isto?
Da miña cabeza… é meu
E tan só é a primeira parte, a de seguir…