Blog Action Day: a pobreza

2008 Outubro 15
etiquetas: , ,
by Luis

Hoxe é o “blog action day” (día de acción blog), adicado este ano á pobreza. O obxetivo deste día é ofrecer un lugar onde os blogueiros amosen as súas inquietudes, dúbidas, solucións, alternativas, sobre o tema elixido este ano, a pobreza.

Sen lugar a dúbidas, é un tema global, que necesita da acción global de gobernos e sociedades. Nestes días de convulsións bursátil, de plans de rescate, de cifras astronómicas, semella que non importa que cada día que pasa morran 24.000 persoas de fame, e que ao final do ano pasen probablemente a barreira dos 35 millóns de almas.

Lembro que en certa ocasión, alguén me dixo que as campañas de sensibilización vial non podían ter sempre un contido duro, veraz, porque producía á longo prazo, o efecto completamente contrario: desensibilizaba á poboación. É probado que cantas máis veces vexamos escenas desagradables, mortes, traxedias, o noso corazón latexa a golpe de martelo, e a nosa alma adquire unha temperatura preto ao cero absoluto.

Pero, ¿cómo sensibilizar á poboación do problema da pobreza? Os nosos ollos están saciados de violencia grazas ás películas, os oídos cheos de berros de nenos. Tan só queda a propia reflexión persoal, a propia interiorización do problema, e a vontade de ferro de afrontar esta catástrofe global, e atopar unha solución.

Eu quero facer a miña particular análise, que pode ou non, coindicir coas opinións doutros, pero non quero deixar escapar a oportunidade de facelo.

En primeiro lugar, a solución á pobreza está ao alcance dos gobernos e sociedades avanzadas. A crise económica pon de manifesto a nula vontade de rematar doa lacra do século XXI. Os gobernos dos países máis industrializados do mundo (EEUU, UE, Canadá, Xapón, etc) foron capaces de mobilizar cantidades astronómicas de cartos para salvar o sistema financeiro a través da banca. Estímase que para rematar coa pobreza do mundo tan só sería necesario entre o 1-10% das cantidades aportadas. ¡Rematar coa pobreza do mundo! Faime tremer de pracer, pensar por un intre que ninguén no mundo pasa fame, que todo o mundo ten a oportunidade de avanzar e desenvolverse. ¿Imaxinades os libros de historia do século XXII?: “No século XXI conseguiuse erradicar o mal que asolou a terra dende a chegada dos grandes imperios: a pobreza“.

Debemos pensar que cando nos remontamos á época dos romanos, dos visigodos, do Al Andalus, dos reinos cristiáns, dos reinados dos Austrias, dos Borbóns, pensamos nas condicións en que viviron os escravos, os campesiños, os oprimidos, os diferentes por relixión, os hmosexuais, etc, e pensamos na nosa sorte, de vivir neste época e de vivir nun país civilizado, cheo de libertades. O problema que antes era local, nacional, agora é global, agora somos nós os señores feudais, os imperios tiranos, os poderosos, os ricos. O mal chamado 3º mundo (un amigo meu, alemán, díxome un día que este termo non ser emprega en Alemaña, porque 3º ten unha connotación profundamente desprezativa), o mundo máis pobre, vive escravizado baixo o pulo dos paises industrializados, malvive procurando auga potable a traves de milleiros de quilómetros, e fura un chan reseco e desértico coa esperanza de choivas que non chegan.

¿Cómo lerán a historia os nosos descendentes dentro de 100 anos? ¿Pensarán do mesmo xeito que o pensamos nós, de por qué permitimos tremenda e tamaña inxustiza? ¿Pensarán que fomos crueis, indiferentes, e despiadados? ¿Non pensades que realmente somos un pouco de todo iso? Despois de todo, aprendemos a “desensibilizarnos”, a ollar para outro lado, a ser indiferentes.

Para rematar, ¿por qué moitos pensan que non é o noso problema? ¿Por qué pensan que nós xa temos bastante co noso? Tan só temos que dirixir a nosa mirada cara o sur de España, as nosas belas illas Canarias, agotadas de recibir milleiros de inmigrantes cada ano. África está desesperada. E polo momento tan só recibimos uns poucos inmigrantes. ¿Qué acontecerá se aumenta a presión sobre os pobos africanos? ¿Non pensades nunha verdadeira migración, masiva, millóns de persoas presionando as nosas fronteiras por entrar? Chegará un momento en que os nosos medios non serán suficientes para soportar as ondanadas de escravos da fame que empurrarán as nosas murallas do confort, e barrerán para sempre o noso ben apreciado estado de benestar.

Toca actuar aos gobernos e as sociedades. Por eles. Por nós. Por todos.

Aínda non hai comentarios

Deixa un comentario

Nota: Podes usar XHTML básico nos teus comentarios. O teu enderezo de correo electrónico nunca será publicado.

Subscribe to this comment feed via RSS