
Despois dunha merecida viaxe á terra das pizzas, dos xelados e do café, din de conta que a crise económica sacude sen piedade dentro e fóra das nosas fronteiras. A semana pasada as novas económicas ocupaban as portadas dos xornais cotidiáns italianos “Il corriere della sera”, o “La Repubblica” do mesmo xeito que nos nosos xornais “El Mundo” ou “El País”, ou os americanos ” Finalcial Times” e “New York Times”.
Hoxe a bolsa española vivíu outra xornada histórica, ao acadar a súa maior subida da súa historia (un +10.65%). Un comportamento mimético foi o de Wall Street, que batíu todos os seus records e anotouse nada menos ca un 11.03%.
Así e todo, estas subidas, según diversos diarios económicos, non significan a fin da crise. O xornal “The economist” publica un artigo titulado “¿A luz ao final do túnel?”, poñendo de manifesto que as névoas da catástrofe foron alonxadas por un tempo, pero non arredadas totalmente. Tamén “Expansión” di nun artigo “solventada a catástrofe, tan só queda o drama”, sen dúbida moito máis pesimista, e ata certo punto alarmista.
O certo é que a economía capitalista, globalizada, sofría dunha hemorraxia de vida ou morte, e ante un problema de tal calibre, os gobernos decidiron arriscalo todo á desesperada, intentando curar a ferida de morte. Agora só queda agardar. Pero son gobernantes xogando a economistas, curandeiros xogando a ser médicos. Esperemos que a ferida non estea infectada, e rem por remate por ser mortal.
Por outra banda, e deixando as metáforas económicas, cabe dicir que esta crise é froito dos excesos cometidos por poderosos bancos de inversión, arriscando non só os seus cartos, senón os de todos os traballadores e aforradores. É incrible que agora, eses mesmos que deixaron o sistema se derrubase, reciban indemnizacións multimillorias, os famosos “golden parachutes” (paracaídas de ouro). E por se non fora suficiente, os gobernos teñen que intervir para non provocar o caos financeiro e a derruba do sistema económico.
A cuestión é que as grandes empresas e bancos semellan ser impunes, mentres que os traballadores debemos pagar os nosos impostos e non dicir nin mu. É esta a hipocresía do sistema capitalista, nos que uns sempre gañan e outros temos que sufrir e padecer para triunfar.
O peor de todo, é que despois destas reflexións, sempre escoito a mesma cantinela fatalista galega: “Ai, qué lle imos facer, sempre che foi así”.
PARRAFADAS RECENTES