A crueldade humana

2008 Xullo 8
etiquetas: ,
by Luis

Sentado nunha cadeira dunha cafetaría calquera de Pontevedra, lendo o xornal, e sorbendo un café lixeiramente amargo, alcei a vista e mirei a través da fiestra a rúa que tiña ante min. Os coches circulaban a modo, as facianas serias e impacientes, o ir e vir da xente, as olladas indiferentes. Por un intre parouse o tempo, a música fíxose un ruido monótono, e todo adquiriu unha tonalidade gris-oscura.

As malas novas do xornal leváronme a este estado suspendido, a abstracción das ideas e a unha reflexión profunda. Estes días vivimos baixo os agoiros dunha galopante crise económica, de escandalosos datos de paro, inflacción e tipos de interés, do custo do cru subindo a fume de carozo, dólar devaluado, e materias primas a prezos imposibles. A xente bota as mans á cabeza, quéixase da súa mala fortuna, adoece frustada por aquilo que non pode mercar.

E mentres millóns de persoas morren de fame pola especulacións das materias primas nos mercados internacionais e pola alza do petróleo. O G-8, nun insulto á moral e á propia intelixencia, tomaron unha cea de reis, con 19 pratos diferentes, para atopar unha saída á fame no mundo. De pura vergoña.

Agora que estamos ás portas dunha crise económica, oio con máis frecuencia iso de “primeiro temos que pensar en nós”, “é unha mágoa que haxa tanta xente que morra de fame no mundo, pero non é o noso problema”, ” xa hai xente con fame no noso país, non imos quitar tamén a do resto do mundo”. Eu xa topei con esta xente, e tiven unha forte discusión, non podía crer que aqueles puideran dicir iso sen tan sequera ruborizarse.

Pensar que a fame no mundo, e os milleiros de mortos non son problema noso, é un erro de tal calibre, que fai que non nos merezcamos chamarnos “humanos”. Iso de que “a diferencia entre os seres humanos e os animais, é que o home é intelexente” debería mudar en “o ser humano é o único que destrúe sen escrúpulos, a súa especie e a todas as demais”. A súa crueldade non ten límites. Que noxo pertencer a esta especie.

Moita xente critica con xenreira á dictadura comunista de Fidel Castro. A historia demostrou que os réximes comunistas non funcionan. Pero entre o comunismo de Cuba e o capitalismo de Brasil, quedo co primeiro. En Cuba todo o mundo ten dereito á sanidade pública e á unha educación. Os mellores médicos de Sudamérica son os cubanos. A esperanza de vida en Cuba é igual á americana nos EE.UU. En Brasil o sistema capitalista é tan brutal que non se procura a igualdade social. Tan só facer cartos. Ninguén se sorprende por ver os mellores e máis luxosos pisos das cidades ao carón das favelas, onde a palabra miseria queda pequena. Non hai oportunidades. Non hai sanidade. Non hai educación. Os nenos medran entre asasinatos, violacións e fame. A corrupción goberna Brasil dende o primeiro peldaño ata o último. Eu quedo en Cuba. E non me gusta o comunismo.

Do mesmo xeito, que os luxosos chalés viven ao carón das favelas, Europa o fai fronte África, Xapón fronte á Asia máis deprimida, e EEUU fronte a Sudamérica. Ollar cara a outro lado, pensar que non é o noso problema, non só é unha soberana estupidez, é dunha crueldade inusitada. Dame noxo pensar que haxa xente que lle é totalmente indiferente. Os gobernos dos países máis ricos deberían mobilizarse pra actuar contra a lacra que destrúe o mundo, que non é outra que o puro egoismo humano.

Non me doería ver que a natureza se vingase de nós, trocase as tornas, e os cambios climáticos que se aveciñan trouxeran secas brutais que acabasen co noso entorno, e poidéramos dicir, desta vez si, e con razón, que morremos coa fame. Entón si, decataríamos da nosa crueldade da nosa indiferencia durante todos estes anos.

Unha resposta leave one →
  1. 2008 Xullo 25
    RAVACHOL permalink

    Según la Voz de Galicia de 25/7/08:”Expertos revisan si los proyectos para construir el puente de As Correntes encajan con la Basílica de Santa María”

    Y me pregunto yo, ¿dónde carallo estaban estos expertos cuando se hizo lo mole de edificio(de la seguriddad social) en frente de la fachada de la Basílica de Santa María”?, ¿Dónde estaban?.

    http://www.lavozdegalicia.es/pontevedra/2008/07/25/0003_7010508.htm

Deixa un comentario

Nota: Podes usar XHTML básico nos teus comentarios. O teu enderezo de correo electrónico nunca será publicado.

Subscribe to this comment feed via RSS